O 2º DVD do programa Ben falado verá a luz a semana que vén

martes, 10 de abril do 2012 Raquel Noya

A partir da vindeira semana, as persoas que gustamos do programa de televisión Ben falado, no que se achegan de xeito ameno as normas fonéticas, de morfoloxía, de sintaxe... máis importantes da lingua galega, teremos á nosa disposición, nas principais librarías de Galicia, o volume 2 do DVD recompilatorio do microespazo que emite a TVG, así como o material para a súa visión e descarga dende a sección de Televisión á carta incluída na web institucional da CRTVG.
Así o anunciou hoxe o secretario de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, quen aproveitou para lembrar que o obxectivo deste programa é “introducir o noso idioma en todos os fogares galegos da man dun produto ameno e de calidade e mais proxectar unha imaxe positiva da nosa lingua propia que esperte o interese por ela”, ao que engadiu que “ao converter eses programas de televisión nun DVD tamén conseguiremos poñer produtos audiovisuais de cultura en galego a disposición do público”, “dándolle así cumprimento a outro dos fins establecidos no marco do propio PXNLG”, puntualizou.
Este segundo volume do DVD Ben falado! inclúe 108 capítulos escolmados dos 230 que conforman a segunda tempada do microespazo emitido pola Televisión de Galicia e polas súas canles internacionais entre o 7 de xuño de 2010 e o 22 de abril de 2011, na que o Ben falado! introduciu como novidades temáticas o tratamento da orixinalidade do galego no seo da familia latina, os trazos distintivos das linguas que estreman co galego e un noticiario internacional de ecoloxía lingüística.
Deste xeito amplíanse os temas xa tratados durante a primeira etapa sobre fonética, morfoloxía, sintaxe, dialectoloxía, léxico, onomástica, historia da lingua e iniciativas didácticas, empresariais e cívicas a prol da lingua galega.
A edición do volume II do Ben falado! enmárcase dentro da aposta da consellería que dirixe Vázquez Abad por achegar material complementario ás aulas de Lingua galega e literatura, o que na súa opinión “fará máis atractiva esta materia para o alumnado e facilitará o labor do profesorado encargado de impartila, por medio do emprego de materiais innovadores en lingua galega baseados nos recursos audiovisuais e tecnolóxicos máis actuais”.

Distribución do novo DVD Ben falado!
Este DVD será distribuído por todos os centros educativos de Galicia, os centros de estudos galegos de España e do estranxeiro dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e polas bibliotecas das entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Asemade, chegará a outros centros educativos nos que se imparten materias de lingua galega no estranxeiro como os centros educativos cataláns adscritos ao proxecto Galauda, os que participan no Programa para a promoción do galego en Castela e León, o Instituto Cañada Blanch de Londres e o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires.

PUBLICIDADE