O 18 de marzo lánzase a segunda consulta ao mercado do proxecto Aldeas Intelixentes

venres, 4 de marzo do 2022 S. P.

A Xunta lanzará o 18 marzo a súa segunda consulta pública ao mercado do proxecto Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sustentábeis, unha iniciativa destinada a crear sustentabilidade, emprego, coñecemento, respostas ao cambio climático, innovación, solucións tecnolóxicas e, sobre todo, posibilidades de futuro para o noso rural. Así o anunciou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa participación no Foro Esenciais en bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).
No apartado do evento dedicado ao rural, a directora xeral referiuse a esta iniciativa do Goberno galego que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. Segundo apuntou, o seu obxectivo “é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e que proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial contribuíndo así a grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático”.
Inés Santé salientou que se busca desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo unha serie de solucións innovadoras en catro liñas diferentes: incidindo no desenvolvemento de servizos dixitais rurais, en solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, na sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e, por último, na construción e urbanización sustentábel nas aldeas con solucións baseadas na natureza e na transición enerxética.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que na primeira consulta presentáronse un total de 168 propostas, a cargo de 124 pemes e de 44 corporacións.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.

PUBLICIDADE