O 15 de xuño abre a convocatoria máis internacional e disruptiva da aceleradora BFAero

luns, 30 de maio do 2022 S. P.

Francisco Conde e Patricia Argerey, conselleiro de Economía e directora da axencia GAIN, visitaron na mañá deste luns 30 de maio a sede da empresa Aeromedia en Oleiros, firma centrada (dende hai unha década) no desenvolvemento avanzado de vehículos aéreos non tripulados. Durante a súa estadía, avanzaron que o 15 de xuño abre a nova convocatoria da aceleradora aeroespacial galega BFAero, impulsada dende a Axencia Galega de Innovación (Consellería de Economía). Farao, sinalaron, “cun enfoque máis internacional e na busca de sinerxías co Polo Aeroespacial de Galicia, contribuíndo a converter BFAero un referente europeo en innovación aberta e disruptiva”.
O obxectivo, engadiron, é dar continuidade á colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo para desenvolver dúas novas edicións, a cuarta e a quinta, cun investimento total de 7,2M€ co que se pretende apoiar 25 empresas do sector.
Tamén fixeron saber que a nova convocatoria contará cunha fase de incubación de 12 meses, dirixida fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial (spin-offs, start-ups e spin-outs) e unha fase de aceleración de oito meses para empresas xa existentes con alta capacidade de crecemento. Como novidade establécese unha nova fase de consolidación de catro meses para empresas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade máxima de ata sete anos.
A aceleradora xa favoreceu, nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 empresas, a creación de oito e un investimento de 5M€.
O vicepresidente económico destacou a participación de Aeromedia no Polo Aeroespacial de Galicia en diferentes proxectos cun orzamento superior aos 500.000 euros, así como na BFAero, onde desenvolveu unha spin-out, Generadron, adicada á inspección de aeroxeradores e de plataformas off-shore.
Tamén puxeron en valor o traballo de Aeromedia, que conta cunha década de experiencia no sector dos vehículos aéreos non tripulados e cunha carteira de servizos para diferentes administracións, tamén a nivel internacional, salientando os seus traballos de topografía nas zonas afectadas pola erupción do volcán na Illa da Palma; os servizos de vixilancia aduaneira no Ministerio de Facenda ou a colaboración co Inta en proxectos como CanSat.

PUBLICIDADE