O 11 de febreiro cesaranse as emisións nas frecuencias antigas da TDT en 50 concellos lucenses

martes, 21 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O paulatino proceso de apagamentos do Segundo Dividendo Dixital está a achegar unha serie de complexidades que, mesmo para os cidadáns máis informados, poden derivar en dúbidas e desinformación, sobre todo no que atinxe ás preguntas sobre as consecuencias para os fogares do dividendo, ou as dúbidas sobre os lugares onde este culminará antes. Para clarificar conceptos, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) vén de facer un resumo das vindeiras actuacións. Segundo lembra, o seguinte fito que debemos ter en conta producirase o 11 de febreiro, que será a data que cese de maneira definitiva a emisión nas frecuencias antigas da TDT en 58 concellos de Lugo
A AETG explica que dentro do proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital que se está a levar a cabo (un proceso que busca deixar despexada a banda dos 700 megahercios co obxectivo de permitir o despegue da tecnoloxía móbil 5G), será durante a noite do 10 ao 11 de febreiro cando se producirá o cese definitivo da emisión nas frecuencias antigas (nas canles 58 e 59), ficando só as novas canles 28 (Mediaset) e 31 (autonómico) en 58 concellos de Lugo (concellos que reciben da área xeográfica de Lugo), polo que “se non se realiza a adaptación necesaria antes desta data, os cidadáns poderían deixar de ver algunhas canles, e, con independencia do tipo de vivenda, deben resintonizar os seus televisores”, explica os enxeñeiros, engadindo que a partir do 17 de febreiro comezará o mesmo proceso nos concellos de Lugo que reciben da área xeográfica de Ourense (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober). Por outra banda, a AETG lembra que en en Muras, incluída na área xeográfica de A Coruña Norte, non haberá cambios en ningunha canle estatal nin autonómica.
Segundo os datos da Secretaría de Estado para o Avance Dixital (SEAD), so o 15,7% dos aproximadamente 8.300 edificios que precisan adaptar as instalacións de antena colectiva para poder recibir as canles nas novas frecuencias de TDT realizaron dita actuación.
Para realizar os cambios as comunidades de propietarios deberán poñerse en contacto con un instalador de telecomunicacións rexistrado no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da SEAD. Mediante Real Decreto aprobouse a concesión directa de subvencións as comunidades de veciños afectadas. As solicitudes de axudas poderán presentarse online ata o 30 de setembro de 2020.

PUBLICIDADE