O 11% das conexións de banda larga en Galicia son de baixa velocidade

luns, 21 de setembro do 2009 Marcus Fernández

A aplicación en Galicia do Plan de Extensión da Banda Ancha (PEBA) dende 2005 estivo rodeada de polémica dende o primeiro momento, pois o traballo que estaba a desenvolver Telefónica para levar o acceso á Internet a boa parte de Galicia parecían moi insuficientes, e tras realizar un investimento de 20,5 millóns de euros e asegurar que o 99% dos galegos temos acceso á banda larga segundo o Ministerio de Industria (algo posto en dúbida en sede parlamentaria en numerosas ocasións), agora recoñecen que só na cuarta parte dos 28.850 núcleos de poboación de Galicia incluídos no PEBA foron capaces de levar a banda larga só por ADSL, mentres que o resto de accesos empregan comunicacións que poderiamos cualificar coma deficientes, cuns prezos elevados en unhas velocidades reducidas.
Así, o 11% das conexións de banda larga en Galicia empregarían sistemas de baixa velocidade (coma satélite ou WiMAX) que darían unhas velocidades de acceso teóricas de 256 Kbps e de pouca estabilidade, o que está moi lonxe do que normalmente entendemos por un acceso á Rede digno.

PUBLICIDADE