O 012 tramitou medio millón de chamadas no primeiro semestre do ano

martes, 7 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa Contactnova, que xestiona o teléfono de Atención e Información ao Cidadán da Xunta, o 012, fixo reconto esta semana do acadado, en materia de servizo á cidadanía, ao longo do primeiro semestre deste ano. Máis polo miúdo, foron preto de medio millón de chamadas as tramitadas nese tempo. O dato foi dado a coñecer durante a visita do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, ás instalacións de Contacnova, firma pertencente ao grupo Netaccede, emprazadas aquelas no Polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense.
O novo servizo, fíxose saber, foi posto en marcha en xuño do pasado ano para centralizar a xestión de dez teléfonos de información que até ese intre operaban de xeito independente. Con esta nova distribución dos recursos, engadiron os responsábeis do 012, “acadouse un aforro de 1,5 millóns de euros para a Administración autonómica”. Só no primeiro ano de funcionamento, “o 012 atendeu preto de 828.000 chamadas de persoas que buscaban algún tipo de información relacionada coa Administración galega”.
Os teléfonos integrados neste servizo son os destinados á información en materia de vivenda (902.100.054); asesoramento para mulleres (900.400.273); o teléfono Quérote (902.141.617); teléfono Xove (902.152.535); o de Voluntariado (900.400.800); o teléfono de atención aos usuarios del Servizo de Emprego de Galicia (902.125.000 e 902.262.902 para demandantes e empresas, respectivamente); o teléfono social (900.333.666); e o teléfono 065.

PUBLICIDADE