Nvidia presenta CUDA, unha das 100 innovacións máis importantes de 2007

luns, 21 de abril do 2008 Raquel Noya

A compañía de tecnoloxías de visualización de gráficos, Nvidia Corporation, vén de presentar nun tour europeo o seu software CUDA, a “primeira tecnoloxía que pode converter calquera tarxeta gráfica nun procesador”.
Segundo os responsables de CUDA, este software foi concibido especificamente para converter os procesadores gráficos (GPU) “nunha nova arquitectura de computadores de propósito xeral (GPGPU)”. Ata o de agora, as tarxetas gráficas víñanse empregando para o tratamento de imaxes en xogos ou para os programas relacionados co mundo gráfico tanto en 2D como en 3D, procesos que precisan dun tipo de hardware de alto nivel para tratar as imaxes cunha resolución moi alta e á vez visualizar vídeos de alta definición con soportes en DVD ou Blu-ray.
Con todo, e sempre segundo os creadores desta tecnoloxía, “a idea está cambiando” e con ela o concepto do emprego do PC. O uso de CUDA en calquera ordenador “pode convertelo nun superordenador xa que potencia de xeito importante os numerosos procesadores que están aloxados no núcleo da súa tarxeta gráfica”. Asemade, os técnicos afirman que debido ao feito de que os datos de proceso se leven a cabo de xeito paralelo, “fai que a velocidade de execución sexa 400 veces superior á de un ordenador sen este software”.
Nvidia presentou este innovador software no Centro de Supercomputación de Barcelona (BSC) da man do seu creador David Kirk, xefe científico de Nvidia, quen centrou a súa conferencia nos resultados da investigación científica e en cómo CUDA pode contribuír “á mellora dos procesos dos supercomputadores”.
Na actualidade o BSC e a UPC están colaborando coa University of Illinois at Urbana-Champaign para levar a cabo conxuntamente a investigación dirixida a cómo conectar de xeito eficiente as dúas arquitecturas de procesador (CPU e GPGPU) para incorporar CUDA a supercomputadores como o MareNostrum.
A tecnoloxía CUDA foi avaliada pola revista Popular Science (publicación con máis de 136 anos de experiencia na divulgación científica) e elixida como unha das 100 innovacións máis importantes do ano 2007 xunto co iPhone.

PUBLICIDADE