Núñez Feijoo anuncia melloras tecnolóxicas para os sectores da sanidade e o turismo

xoves, 13 de marzo do 2014 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe que a sinatura do convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Red.es e o SERGAS permitirá consolidar o uso das TIC na sanidade pública galega e dotar de infraestruturas tecnolóxicas o novo hospital público de Vigo para o seu arranque. No acto de presentación do devandito convenio participou o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria.
Feijoo destacou que este acordo, cun plan de traballo se estende ata 2015, enmárcase dentro da Axenda Dixital para España aprobada no Consello de Ministros o pasado mes de febreiro como novo plan estratéxico nacional no ámbito das TIC. O investimento do convenio marco que recolle esta actuación ascende a un importe de 15 millóns de euros: 12 deles con cargo aos fondos europeos Feder e outros tres achegados pola Xunta. Tamén incidiu en que a principal liña de actuación deste convenio é a dotación de infraestrutura tecnolóxica, abranguendo tanto o subministro e instalación de infraestrutura TIC coma os servizos asociados, incluído as necesidades tecnolóxicas do novo hospital público de Vigo para a súa posta en marcha así como a consolidación da historia clínica electrónica e a receita electrónica.
Tras o Consello da Xunta de hoxe, o presidente tamén deu conta do Plan Smart Turismo, que pretende espallar as TIC no sector turístico. Esta iniciativa dotada con 10 millóns de euros, permitirá a modernización das infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia, aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros, fomentar a innovación do sector e potenciar os camiños de Santiago.
No tocante á modernización tecnolóxica Feijoo anunciou a creación dunha plataforma tecnolóxica que integre todos os sistemas informáticos existentes e que ademais incorporará novas funcións para “optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección”.

PUBLICIDADE