Now nun toque facilita a tradución automática de aplicacións e recoñece códigos de barras e QR

mércores, 6 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A funcionalidade Now on Tap, ou nun toque, permite empregar Google Now en dispositivos con Android 6.0 ou superior dun xeito mellor integrado no sistema, de xeito que cando esteamos nunha aplicación ou nunha páxina web, consultado contidos do noso interese, podemos premer de xeito longo o botón de inicio para que Google Now lea a pantalla e, por exemplo, se estamos a ver información sobre unha película, facilite ver o seu tráiler ou a súa compra de billetes. Pero esta funcionalidade non cesa de mellorar, e na súa última actualización incorpora tamén a tradución automática (de xeito que podemos tirar proveito da tradución automática de Google cando vexamos contidos que non estean na nosa lingua nai). O bo desta funcionalidade é que tanto funciona con páxinas web (algo habitual no tradutor de Google) como en aplicacións, de xeito que incluso poderiamos traducir de xeito automático unha crítica dun negocio que vexamos dentro da aplicación de Google Maps.
O uso da tradución dende Google Now nun toque está dispoñible para dispositivos que teñan configurado como idioma predefinido o inglés, o francés, o italiano, o alemán, o ruso, o portugués ou o español.

Códigos de barras e QR

A outra grande novidade de Google Now nun toque é que agora pode aplicarse a códigos de barra e QR, de xeito que se atopamos algún deses códigos xa non precisaremos dunha aplicación específica para interpretalo, senón que chegará con abrir a aplicación de cámara do móbil e premer o botón de inicio do móbil durante un anaco para ver como Google identifica unha ligazón a un contido en liña, un libro, unha película... prestación que deixa claro o potencial de Google Now como ferramenta de utilidade para o noso día a día.

PUBLICIDADE