Novos obradoiros para apoiar o crecemento e consolidación de empresas tecnolóxicas

mércores, 2 de maio do 2012 Redacción

No marco do Programa TICEmprende, a Consellería de Economía e Industria vai poñer en marcha, a partir do vindeiro 28 de maio e a través de BIC Galicia, unha nova serie de obradoiros prácticos que pretenden contribuír á implantación efectiva de procesos de mellora nas novas empresas tecnolóxicas galegas, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial que conduzan a súa consolidación e a un incremento significativo da súa competitividade.
O obxectivo deste obradoiros é o de achegar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado. Este programa formativo basease nunha metodoloxía de traballo asistida, interactiva e eminentemente práctica, mediante a que se analiza a casuística das empresas participantes, combinando aprendizaxe con acción. As sesións formativas son guiadas por un consultor-facilitador, especialista na implantación de novas técnicas de xestión e con ampla experiencia na temática.
Esta iniciativa diríxese ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a PEME e micro PEME en fase de consolidación, constituíndo o seu público obxectivo os empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais de empresas TIC involucrados no desenvolvemento ou mellora da área temática sobre a que trate cada un dos obradoiros. Prevese a participación de máis de 50 PEME do sector nos diferentes obradoiros, que terán lugar en Santiago, A Coruña e Vigo.
Durante estes obradoiros abordaranse temas de especial relevancia para as empresas sector, como as oportunidades de negocio baseadas en software libre e ecosistemas open, as estratexias avanzadas na internacionalización de empresas TIC, o deseño rápido de novos modelos de negocio ou o TIC branding, a xestión de marcas neste sector.
A inscrición aos obradoiros TICEmprende xa está aberta a través da páxina web de BIC Galicia.

PUBLICIDADE