Novos datos positivos sobre o medre dos lectores de xornais en liña

mércores, 30 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Os tempos van cambiando, a Rede tamén, e nós con eles. O que hai anos era impensable, hoxe é unha realidade: sempre foi así. Se quince anos atrás, alguén lles dixera aos directores e presidentes das principais cabeceiras do país que chegaría un tempo en que os lectores preferirían os formatos dixitais có papel, está claro que moitos non darían crédito. Porén, a día de hoxe, en determinadas franxas de idade xa case é maior a porcentaxe de quen le novas vía tecnolóxica a quen o fai polo tradicional.
A xuízo da Asociación de Periódicos de América (NNA, nas súas siglas en inglés), a cifra de persoas que empregan as versións en liña dos xornais para informarse do que ocorre non para de medrar.
Segundo un informe recente da entidade sobre datos referentes aos Estados Unidos e aos hábitos dos consumidores de prensa e dos anunciantes, os sitios web dos xornais acadaron no segundo cuarto de 2008 unha media de 66,4 millóns de usuarios únicos, o que constitúe máis da terceira parte da comunidade internauta, amais dun medre do 12% en comparación cos datos de 2007.
Asemade, a media mensual de páxinas vistas desta índole anda a rentes dos 3 billóns. Tralo éxito dos formatos en liña, a NAA mesmo ten aberto un espazo de tipo exclusivo para anunciantes onde os pon ao tanto dos beneficios da publicidade nos medios en liña, que é actualmente un fervedoiro de novas propostas e formatos no camiño de habilitala e presentala para que amole o menos posible.

PUBLICIDADE