Novos Medios desenvolve o día 13 unha xornada sobre canles dixitais ao servizo da ciencia

luns, 2 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

As entidades participantes na Semana da Ciencia galega semella que non queren deixar de lado unha das grandes cuestións do noso tempo: cara a onde vai a información agora que os cidadáns xa non son simples receptores de datos, senón axentes activos en toda a cadea de produción e divulgación dos mesmos? Estas e outras cuestións, aplicadas non tanto á comunicación dixital ao servizo de toda a sociedade senón ao servizo da ciencia, serán o alicerce do obradoiro Comunicar a Ciencia: Os medios de comunicación e a divulgación do coñecemento.
A actividade, dirixida ao público en xeral, desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación o vindeiro 13 de novembro e en horario de 10 a 14 horas.
A organización da xornada (o Grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación) dividirá a sesión en dúas quendas: primeiro un obradoiro práctico e posteriormente unha mesa redonda. Ámbalas dúas actividades comparten obxectivos: familiarizar ao cidadán de a pé coa vocación divulgativa dos medios de comunicación e as iniciativas, ferramentas, institucións e servizos dispoñibles en Internet que permitirán que os alumnos localicen datos científicos de maneira “rápida e proveitosa”.

PUBLICIDADE