Novos Medios (USC) e Política Lingüística impulsan unha web e unha rede social para dar azos ao neofalantismo

luns, 31 de xaneiro do 2022 S. P.

O galego ten que estar vivo e activo no plano dixital, doutro xeito dificilmente se poderá traballar no seu uso entre as novas xeracións. Esta máxima, compartida pola Universidade de Santiago e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García, é o alicerce do novo proxecto conxunto de ambas institucións a prol da lingua. Trátase dunha iniciativa tecnolóxica que busca avanzar no estudo do neofalantismo (o emprego do galego por parte de persoas que partían dunha base integral de castelán) para achegar medidas que o reforcen. A iniciativa, impulsada dende o grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias de Comunicación (USC), acubilla xa un portal web con informacións sobre a lingua galega. Amais, achegará unha ferramenta TIC interactiva que funcionará como unha rede social. Será un proxecto cunha duración de tres anos dividido en tres fases. Servirá tamén para estreitar vencellos como eido lusófono, poñendo o foco na importancia da lingua común para afianzar pontes empresariais entre ambas beiras da raia.
Analizando o neofalantismo
Como dixemos, a iniciativa analizará como está a ser o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao idioma propio de Galicia. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.
Colaboración relevante
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, declarou que é importante que as institucións colaboren “para desenvolver iniciativas orientadas a coñecer e animar a aquelas persoas que incorporan o galego á súa vida”. E engadiu: “As institucións e sociedade debemos apostar por esas persoas e as poñamos como exemplo para outros mozos e mozas, igual que elas apostaron por todos nós ao escolleren a lingua que nos identifica e nos une como galegos”.
Canda o representante autonómico tamén interviñeron nesta presentación, que acolleu a Facultade de Ciencias da Comunicación, Antonio López, reitor da USC; Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, decano e vicedecana, respectivamente, da dita Facultade, e Xosé López, director do grupo de investigación Novos Medios.
Neofalantes.gal
O proxecto, iniciado a finais do 2021, será desenvolvido ata 2023 en tres fases. Na primeira delas, deseñouse un sitio web, neofalantes.gal, un portal de noticias xa activo que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións: sobre o mundo neofalante, sobre a actualidade da lingua galega, sobre investigacións lingüística, sobre polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais, contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo nas máis atractivas para a mocidade, como son Instagram e TikTok, aínda que tamén terá canle de YouTube, Facebook e Twitter.
Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. Unha rede que, segundo as previsións, “estará activa a finais de ano”, explicaron dende a USC e Política Lingüística.
Xa nunha terceira fase, que se levará a cabo no 2023, a web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsábeis de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega.

PUBLICIDADE