Novo proxector DLP de Xiaomi con HDR10

luns, 28 de maio do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 1 de xuño sairá á venda un novo proxector de vídeo da marca Xiaomi, que polo momento limitará a súa distribución ao mercado chinés a un prezo de 3.999 iuans (537 euros), o que resulta bastante atractivo para un proxector bastante compacto (mide 218 x 215 x 116 milímetros) con tecnoloxía DLP, 800 lumenes ANSI, resolución nativa Full HD (con soporte de entradas de até 4K) e a posibilidade de proxectar unha imaxe de entre 40 e 150 polgadas a unha distancia de entre 98 e 366 centímetros.
Entre os reclamos do novo proxecto de Xiaomi destaca o soporte de HDR10 e o feito de que integre un procesador T968 Cortex-A53, 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno, de xeito que, aparte de proxector imaxes de fontes externas, tamén é un dispositivo con MIUI TV (baseado en Android 6.0) de xeito que pode correr aplicacións e acceder a servizos audiovisuais en liña (así como acceder a contidos cargados por USB) dun xeito cómodo e áxil.
O proxector tamén integra un altofalante de 10 watts, así como conectividade Wi-Fi AC e Bluetooth 4.1. Ao estarmos ante un dispositivo orientado ao mercado chinés, o seu Android está adaptado a servizos do país nipón, quedando por ver se nos vindeiros meses lanzan unha versión internacional con Android TV, algo que semella bastante probable se atendemos a declaracións da compañía nos pasados meses, nas que aseguran que traerán os seus televisores a Europa (estratexia que poderá enriquecerse cos proxectores, xa que baséanse no mesmo software).

O tamaño compacto do proxector de Xiaomi e a integración de Android poden ser un grande incentivo para facerse cun destes produtos

PUBLICIDADE