Novo adeus ao Internet Explorer 11

martes, 10 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

O Internet Explorer 11 retirouse oficialmente o pasado mes de xuño, pero para facilitar o uso dalgúns sistemas webs desactualizados Microsoft activou unha función en Microsoft Edge para que dende Windows 10 fose posible correr vellas páxinas web incompatibles cos navegadores web modernos no chamado modo Internet Explorer, pero como aínda así o Internet Explorer continuaba presente en numerosos equipos, Microsoft decidiu deshabilitalo permanentemente o vindeiro 14 de febreiro, cando os dispositivos que aínda empreguen o navegador desactualizado serán redirixidos a Microsoft Edge.
A actualización de Microsoft Edge que desactivará definitivamente o Internet Explorer 11 (eliminando as iconas da aplicación do menú de inicio e a barra de tarefas) busca proporcionar unah mellor experiencia de usuario e axudar ás organizacións a realizar a transición dos últimos usuarios de Internet Explorer a Edge.
As empresas que xa pasaran a Microsoft Edge non deberán preocuparse por esta actualización, pero Microsoft advirte de que as empresas que aínda manteñan dependencias do Internet Explorer 11 deberán tomar medidas antes do 14 de febreiro se non queren arriscarse a unha interrupción empresarial a escala cando os usuarios perdan o acceso a aplicacións dependentes de Internet Explorer 11.
Aínda que esa eliminación do Internet Explorer corra a cargo de Edge, en vindeiras actualizacións de Windows 10 tamén se incidirá no mesmo, de xeito que confíase que despois de xuño non haxa equipos corporativos facendo un uso activo de Internet Explorer 11.

PUBLICIDADE