Nove empresas de EGANET aspiran ás certificacións que reforzan o espallamento internacional

xoves, 9 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Víctor López, presidente de EGANET, nunha imaxe recollida na entrega dos premios da asociación

EGANET informa estes días dunha importante oportunidade para as súas empresas no camiño do recoñecemento da súa experiencia no noso mercado e, sobre todo, alén del e até onde se poda chegar. Máis polo miúdo, trátase da participación dos seus integrantes no Programa Innoempresa, iniciativa á que está adherida EGANET e que, entre outras moitas cousas, permite ter acceso a acreditacións empresariais de primeiro nivel. Serán, na primeira xeira, nove empresas de EGANET as que, a través de Innoempresa, aspiren a obter as certificacións ISO 27001 e ISO 9001+14001, uns avais que garanten perante o mercado internacional a calidade do traballo en materia de xestión da seguridade dos datos e dos sistemas que os procesan, e tamén, dos sistemas de xestión de calidade e de xestión ambiental.
Estamos a falar das seguintes representantes do noso tecido TIC: Human Soft, Teimas Desenvolvemento, Deza Business, Tesla Techonologies, Imatia Innovation, Telémaco, Training Channel, Área 3 Consultores e AT Servicios. Todas elas terán a oportunidade de tirar o máximo partido de Innoempresa, un proxecto cofinanciado polo IGAPE e os Fondos FEDER que para as accións encamiñadas a favorecer o afianzamento das ditas normas contará coa participación activa de Asdel Consulting. Estímase que o proxecto remate a finais do mes de setembro de 2012, informa EGANET.
Logo dunha primeira fase de recollida de datos, engade a asociación que preside Víctor López, o equipo de traballo elaborará un manual de xestión coa presentación da empresa e un conxunto de compromisos sobre seguridade dos datos, medio ambiente e calidade, “que estean perfectamente aliñados coas esixencias das normas”. A continuación, será a quenda para o deseño dunha guía de procesos de actuación cos formatos para rexistrar os datos e instrucións técnicas. Sobre as vantaxes que lles achegará ás devanditas firmas a consecución destes avais, dicir que lles permitirá, entre outras cousas, tomar medidas precisas para acadar unha seguridade, control medioambiental e de calidade “óptimos”. Asemade, fornecerá aos clientes da confianza precisa. E engádese dende EGANET, facendo referencia á importancia de garantir, dende o seo dunha empresa, as mellores prácticas no manexo, xestión e control dos datos: “Coa implantación da norma ISO 27001 é posible acadar un sistema de xestión de datos que evite ou reduza o risco de vulneracións internas ou externas e que potencie a súa integridade, dispoñibilidade e confidencialidade en todos os procesos de negocio da empresa”.
Polo que atinxe á outra certificación, dicir que se sitúa nun vieiro semellante á anterior, no sentido de que a xestión medioambiental é unha esixencia en proceso de medre e reforzamento. A certificación combinada ISO 9001+14001 implica que estamos ante unha entidade que xestiona sistematicamente a calidade dos seus produtos e servizos, facendo fincapé na optimización de recursos, tendo sempre en conta os parámetros medioambientais esixidos e a lexislación vixente nesta materia. Esta norma e máis a anterior, amais de acreditar o óptimo funcionamento das empresas en cuestións cada vez máis importantes, permítelles unha mellor xestión dos recursos e con iso unha redución de custes considerable.

PUBLICIDADE