Novacaixagalicia acelera o seu proceso de fusión informática

luns, 31 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Novacaixagalicia presentou o pasado venres en Compostela o seu plan de traballo para 2011, máis centrado (a xuízo dos responsables da entidade bancaria resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova) no medre do crédito a pequenas e medianas empresas e familias. Na xeira de datos dados a coñecer perante uns 300 profesionais da devandita banca (entre os que se salientou un beneficio de 144 millóns ao peche de 2010), fíxose especial fincapé nos recursos que se están a mobilizar para acelerar ao máximo o proceso de fusión, “con especial atención á integración operativa”.
Isto significa que un dos obxectivos básicos da entidade é que tódolos seus centros traballen e se apoien nunha plataforma única. A idea, segundo fixeron saber os responsables tecnolóxicos da caixa galega, é concluír a fusión informática este mesmo ano, “o que permitirá unha máis rápida integración de tódolos procesos, a mellora da eficacia e a xeración de sinerxías”. Asemade, traballarase para seguir mantendo a Galicia como unha dos cinco grandes canles distribuidoras de España en “operatoria financeira, con centros tecnolóxicos propios na Coruña, Ourense e Vigo”.

PUBLICIDADE