Nova versión do manual de tradución de software libre ao galego

mércores, 11 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Imaxe dunha das anteriores xuntanzas G11n

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) pon a disposición para toda sociedade galega unha nova versión de Manual de localización que recolle unhas normas de consenso sobre a tradución do software libre ao galego.
A iniciativa cumpre o compromiso acadado pola Consellaría de Innovación e Industria de cara á creación dunha guía de estilo para as traducións informáticas ao galego, para o que foi preciso un intenso traballo de posta en común colaborativa e de consulta ás persoas especializadas na materia. Esta colaboración concretouse nas xornadas G11n: eu traduzo software libre, que comezaron hai un ano, e que na súa segunda edición o pasado novembro presentaron a versión 0.5 do manual, que agora xa está na súa versión 0.9 (descargable en formato PDF), pechando practicamente todo o apartado de criterios lingüísticos e deixando perfilada a sección de contidos técnicos (aínda que este documento estará en construción permanente.
Afondando nos seus contidos, o Manual de Localización de Software estrutúrase en dous apartados claramente diferenciados:o de técnicas de localización e os criterios lingüísticos. O documento comeza coa introdución e descrición das distintas técnicas existentes (aplicativos- Kbabel, Gtranslator, LoKalize...-, estándares - XLIFF, TMX, PO...) para pasar, detalladamente, á definición de criterios lingüísticos de estilo, ortotipográficos, morfosintácticos e terminolóxicos.
No apartado lingüístico a maior achega do documento reside na proposta dunha pauta de decisión obxectivable ante frecuentes dúbidas de tradución, que teñen derivado tradicionalmente en debates nunca finalizados (window, tab, plug-in...).
Tamén conta cun anexo terminográfico que recolle uns 3.000 termos traducidos en 7.000 formas de equivalencia (1.015 con dobre saída e 300 con triple saída), converténdose na meirande compilación extraída dun corpus textual de localización galega de software.

PUBLICIDADE