Nova prórroga á licenza temporal de Huawei en EE.UU.

luns, 18 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O conflito de Huawei co Goberno dos EE.UU. continúa a enquistarse, e as autoridades estadounidenses, en vez de procurar unha solución, estáncanse e, ao igual que en agosto prorrogaron 90 días a anterior licenza temporal que deron á compañía chinesa, veñen de facer xustamente o mesmo, de xeito que o Departamento de Comercio publicou unha extensión da licenza anterior até o 16 de febreiro de 2020, o que simplemente permite que os operadores de telecomunicacións norteamericanos que teñen como provedor a Huawei poidan continuar a mercarlles produtos, que é xustamente o que as autoridades querían evitar, mentres que os efectos secundarios (que Huawei non poida integrar os servizos de Google no seu Android) continúan presentes e están a supor o estancamento da compañía chinesa a nivel global, xa que os seus novos móbiles insignia non están a comercializarse con normalidade fóra de China.
Para que Huawei poida volver a certa normalidade no mercado global sería preciso que compañías como Google ou Facebook recibisen licenzas especiais para operar con Huawei, licenzas que os EE.UU. prometeron en varias ocasións dende o mes de xuño, pero continúan sen outorgar, distorsionando o mercado global da telefonía móbil.

PUBLICIDADE