Nova liña do Plan de Banda Larga para despregar redes de 100 Mbps en núcleos rurais de menos de 150 habitantes

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Redacción

A Xunta lanza unha nova actuación do seu Plan de Banda Larga 2020 para facilitar o acceso á Internet, cun mínimo de 100 Mbps de velocidade, en núcleos de menos de 150 habitantes. Con este obxectivo o Consello do Goberno galego aprobou hoxe unha liña de axudas a operadores de telecomunicacións cun importe de 14,2 millóns de euros para despregar redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Complementariedade entre administracións

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 Mbps a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.

Prazos e características da convocatoria

A nova convocatoria do Plan de Banda Larga 2020 publicarase proximamente no DOG e os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación.
A convocatoria inclúe un anexo con 26.466 entidades de poboación consideradas zonas brancas de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura de redes dun mínimo de 100 Mbps así como de previsión de dispoñer delas.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 Mbps de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

PUBLICIDADE