Nova edición dos galardóns á publicidade en galego, incluíndo a modalidade de Internet

xoves, 14 de febreiro do 2013 Redacción

O Consello Asesor de RTVE en Galicia e máis a CRTVG veñen de convocar unha nova edición do Premio de Publicidade en Galego, a número 20. Coma noutros anos, e agora coa Rede cada vez máis presente nas nosas vidas como canle de acceso de primeira liña aos contidos audiovisuais, o certame inclúe un apartado específico de Internet, complementándose esta modalidade con outras dúas: radio e televisión. Entre os requirimentos que se esixen, figura o de que as candidaturas sexan obras efectuadas ao longo do ano pasado. O concurso está especialmente dirixido a medios, axencias e entidades promotoras que impulsen ou difunda anuncios ou cuñas publicitarias, transmitidas en galego de xeito integral.
Segundo informa o Consello Asesor, valoraranse positivamente aspectos como a singularidade da produción, a calidade lingüística oral e escrita dos traballos que se fornezan e máis o compoñente multimedia e interactivo dos traballos específicos de Internet. As obras que opten aos galardóns serán sometidas ao escrutinio dun xurado integrado polo pleno do Consello Asesor, que contaría co asesoramento de profesionais “de recoñecido prestixio do eido galego da comunicación”. A deliberación do xurado levarase a cabo ao longo do vindeiro mes de abril. O premio, nas tres devanditas categorías, consistirá nunha peza de arte galego que se entregará ás empresas anunciantes. As axencias de publicidade, autoras dos anuncios premiados, recibirán unha placa conmemorativa.

PUBLICIDADE