Nova cámara Mevo con resolución 4K

martes, 19 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A familia de cámaras para streaming de Logitech, Mevo, está a medrar, incorporando ao seu catálogo a Mevo Core, unha cámara de streaming que nesta ocasión ten resolución 4K, e que fai doada a creación de emisións multicámara.
O sistema Mevo Multicam permite aos creadores facer emisións de vídeo directamente, agora tamén en 4K, empregando directamente plataformas como YouTube ou Twitch.
A nova cámara Mevo Core sería unha cámara sen fíos 4K con obxectivos intercambiables micro catro terzos e un conxunto de 3 micrófonos integrados (coa posibilidade de empregar audio externo) que sae á venda por 999 dólares (só o corpo). A cámara integra unha batería cunha autonomía de até 6 horas, ou pode alimentarse mediante USB-C. Tamén pode integrarse en diferentes fluxos de traballo grazas a que conta con saída HDMI e soporta NDI/SRT para funcionar como cámara sen fíos ou mediante cable compatible con numerosos sistemas de realización.
Con este novo produto búscase ofrecer unha calidade de imaxe comparable ao dunha cámara DSLR, pero cun control máis sinxelo e versátil, grazas en boa medida ás posibilidades de Mevo Multicam, solución que permite o control de varias cámaras dende unha aplicación móbil. Tamén existe unha opción premium chamada Mevo Pro que, aparte de xestionar varias cámaras Mevo á vez, permite engadir ao sistema smartphones como fonte de vídeo (instalándolles a aplicación Mevo Go) e incluso outras fontes de vídeo NDI.

A Mevo Core tamén pode resultar axeitada para creadores de contido que queiran realizar emisións de vídeo de calidade de xeito autónomo

PUBLICIDADE