Nova aposta da Universidade de Vigo no eido da robótica

luns, 14 de marzo do 2011 Raquel Noya

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, na súa teima por perfeccionar dispositivos que melloren a nosa calidade de vida e realicen os traballos máis pesados por nós (labor que comezou hai dous anos co robot Rato), vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa Kuka Robots Ibérica, para traballar cóbado con cóbado no eido da formación e a mobilidade.
Segundo apuntan dende o DUVI, o diario online da entidade académica, a sinatura deste convenio ten como obxectivo prioritario formar tanto ao alumnado como ao profesorado “en alta tecnoloxía e en innovación tecnolóxica”, e entre outras cousas, permitirá a creación dunha Aula Kuka para a formación específica dos alumnos e alumnas no eido da robótica.
Trátase dun laboratorio no que, segundo indica o xornal online, “se instalará un robot industrial e varias licenzas de software relacionado coa robótica que a empresa se compromete a actualizar anualmente”.
Nesta Escola de Enxeñería Industrial, berce doutros prototipos como o botóns BellBot, (do que demos conta recentemente en Código Cero), xa estaban en funcionamento a aula Siemens e a Schneider Electric, que agora sumarán esforzos coa aula Kuka para consolidar a aposta da entidade pola automatización industrial e a robótica con empresas “de primeira liña internacional”.

Salustiano Mato e Gustavo Moscardó durante a sinatura do acordo.

Asemade, a firma comprométese a ofrecer formación de balde para o profesorado nas tecnoloxías e produtos comercializados por Kuka así como cursos formativos para o alumnado que a Universidade poderá programar anualmente ou cada vez que a empresa desenvolva tecnoloxía nova.
A firma tamén se compromete a respaldar aqueles proxectos fin de carreira que os alumnos e alumnas leven a cabo no eido da robótica e a automatización industrial, e mesmo a realizar prácticas na empresa tanto en España como en Alemaña.
Isto último, tamén é da idea do profesor da Área de Enxeñaría de Siemens e Automática, José Ignacio Armesto, quen destacou “o elevado interese do alumnado en realizar estancias Erasmus en Alemaña”.
O responsable en España de Kuka, Gustavo Moscardó, mostrou a súa satisfacción por ter asinado este acordo coa Universidade de Vigo e subliñou a importancia de que os seus enxeñeiros coñezan de primeira man todo o que se move no eido da automatización industrial e a robótica.

PUBLICIDADE