Notábel presenza galega na entrega de premios do certame 2011 de Educared

venres, 21 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Este ano, o certame Educared, dirixido a salientar no panorama latinoamericano as mellores iniciativas de modernización educativa, tivo notábel presenza galega. Máis polo miúdo, a das seguintes escolas: o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón-Vedra, o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela) e o CEIP A Ponte (Ourense), cada un dos centros con cadansúa proposta de innovación nas aulas. Entre estas propostas, por certo, atopamos unha vella coñecida: o proxecto galego Escolas rurais virtuais para a computación na nube, impulsado polo CESGA, un traballo do que xa dimos conta nesta web as semanas pasadas con motivo da súa participación no concurso e que agora volve estar en primeira plana tralo acto oficial de entrega de galardóns, celebrado en Madrid, a onde acudiron os representantes dos ditos centros galegos e máis da Consellería de Educación.
O premio Educared, de carácter internacional, tivo este ano a enleada tarefa de elixir gañadores entre 4.000 proxectos presentados, desenvolvidos e postos en marcha en 29 países, unha cifra que logo dunha primeira xeira de traballo de análise ficou nos 400 semifinalistas.
Finalmente, entre as iniciativas recoñecidas e colléndonos especialmente de preto (pola temática da nosa páxina web), dicir que dentro da modalidade A II (escritorio virtual para alumnado de Educación Infantil) impúxose a devandita do CESGA como finalista premiada, tras outros tres proxectos, dous españois e un arxentino.
Como dixemos, os Premios Internacionais Educared diríxense a pór de relevo o máis salientábel da formación 2.0 no eido iberoamericano. Na cita de Madrid, máis en detalle, participaron o director xeral de Educación, José Luis Mira, e os responsábeis do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón-Vedra, o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela) e o CEIP A Ponte (Ourense).
De entre os centros galardoados, o CEIP A Ponte acadou o terceiro premio na modalidade especial 4 (traballos colaborativos no ámbito do mesmo país), por Benclau, un grupo de traballo formado por profesores galegos e andaluces no que se intercambian e comparten textos da tradición popular. O xurado valorou no blog do proxecto “o feito de constituír un estímulo para a participación de toda a comunidade educativa, xa que nel están implicados tanto as familias como os docentes e o alumnado”.
Computación na nube, a devandita proposta do CESGA, é o proxecto de iniciativa de comunidade virtual coa que as escolas que compoñen o CRA de Boqueixón-Vedra participaron neste certame, no que acadaron o cuarto posto da categoría II da modalidade A. Trátase, máis polo miúdo, de unha iniciativa que contribúe a loitar o espallamento poboacional, sobre as posibilidades da computación cloud (na nube) aplicada e adaptada ás necesidades destas escolas.
Lembrar que a iniciativa de Escolas rurais virtuais vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA, que afrontou este traballo cun obxectivo claro de loitar contra a fenda dixital que afecta a unha boa parte dos nosos ámbitos xeográficos non urbanos, e facelo dende a base mesma da ensinanza, amosando entre a comunidade educativa o amplo potencial das redes 2.0 para o desenvolvemento en tódalas súas facetas. A iniciativa, que é moi probable que se integre no Proxecto Abalar da Xunta, está a funcionar nas 7 escolas que compoñen o CRA Boqueixón Vedra e, tal e como fixemos saber dende Código Cero con motivo da presentación do proxecto, xunto coa Universidade de Idaho e unha universidade de Taiwan, conforman os 3 únicos centros do mundo que foron financiados por Hewlett Packard, HP, para desenvolver os seus proxectos piloto neste eido.
Grazas á tecnoloxía de computación na nube os profesores e alumnos das 7 escolas de educación primaria e infantil que compoñen o CRA galego, poden comunicarse entre si, traballar e facer actividades escolares de forma conxunta sen ter que desprazarse, a través da Rede. Para iso contan coa tecnoloxía cloud, en nube, que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder ás necesidades do usuario de forma flexíbel e personalizada, a través de internet e sen necesidade da axuda de expertos informáticos.
Cunha solución de software libre e código aberto os usuarios traballan nunha plataforma sinxela que é axeitada tanto para o profesorado como para os estudantes e as súas familias, grazas á que non é necesario contar cos recursos e programas instalados en cada ordenador, senón que se pode contar cos materiais didácticos e recursos de aula nun espazo común, dispoñible dende calquera ordenador ou incluso móbil, conectado a Internet, para todos os membros da comunidade educativa.
Deste xeito ademais redúcense ao mínimo as dificultades técnicas, limítanse os custos de licencias de software, e créase unha contorna de traballo virtual a través dunha única aplicación lixeira, estruturada en varios niveis de acceso, segundo o perfil do usuario final.
Pola súa banda, o CEIP Ramón Cabanillas foi un dos finalistas premiados na categoría I da modalidade A (docentes con alumnos en 2º ciclo de Educación Infantil), co proxecto O cine en infantil, un blog que pretende achegar o coñecemento de cine, vídeo, televisión e DVD como ferramentas para crear, expresar e comunicar. O xurado destacou a calidade da iniciativa, cuxos contidos son elaborados en grande medida por nenos de entre 3 e 5 anos, e que contribúe á inclusión das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE