Unha xornada xuntará a podcasteiros galegos a semana que vén

venres, 26 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos o podcasting foi collendo cada vez máis relevancia, en boa medida grazas á popularización dos smartphones como reprodutores multimedia e a adopción masiva de tal formato de distribución por parte das emisoras de radio convencionais, e aínda que en Galicia estamos moi lonxe da penetracións dos podcasts da que gozan en países como EE.UU., xa podemos considerar que existe certa traxectoria na nosa terra, de aí que resulten interesantes as iniciativas encamiñadas a consolidar unha comunidade podcasteira como Galipod, o encontro galego de podcasting, que vai celebrarse no Magma Espacio de Ourense, para xuntar aos falangulleiros (alcume para describir aos podcasteiros galegos) para participar en obradoiros, debater e incluso realizar algunha gravacións e/ou retransmisión en directo.
Este tipo de xornadas xa se teñen celebrado na Coruña, en Santiago e en Marín, e desta volta continúan na teima de xuntar tanto a falangulleiros como a oíntes, para compartir un espazo de aprendizaxe e traballo seguindo o seguinte programa:
11:00 – 11:30 – Chegada e café de benvida
11:30 – 13:00 – Obradoiros sobre falangullos: obradoiro de cortinillas, ráfagas e promos, e obradoiro sobre como construír unha marca propia
13:00 – 14:30 – Debate asambleario
14:30 – 16:30 – Xantar
16:30 – 17:00 – Sobremesa de proxectos. Ideas de proxectos novos colectivos
17:00 – 18:30 – Directos e gravacións
Para facilitar a organización da xornada os responsables dispuxeron un formulario en liña para a inscrición dos interesados en acudir ao evento.
Lembremos que actualmente en Galicia están existe un nutrido grupo de interesantes podcasts, como os dos programas da Radio CampUSCulturae como Metrópoles Delirantes, o lonxevo C’mmons baby sobre música libre, Zafarrancho Podcast, NTTpodcast, Alt-P... deixando claro que é posible desenvolver este formato en galego e afastándose da radio tradicional, comando un carácter de seu.

PUBLICIDADE