Nós Televisión e O Transistor, gañadoras da sexta edición do Premio Lingua e Empresa

venres, 10 de novembro do 2023 S. P.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves 10 de novembro a gala de entrega da sexta edición dos premios Lingua e Empresa organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística de Ames. As empresas galardoadas foron, a canle de contidos Nós Televisión, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, na categoría de Uso consolidado da lingua galega; e mais o establecemento hostaleiro O Transistor, que está situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns, na categoría de Nova incorporación á lingua, ao ser unha empresa que se creou nos últimos dous anos. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1.500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.
Manolo Maseda e Xurxo Souto foron os encargados de conducir e amenizar a Gala Lingua e Empresa, que se celebrou este pasado xoves, 9 de novembro, pola tarde, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. No acto estiveron presentes a práctica totalidade das empresas que se presentaron ao certame este ano. Das 33 entidades presentadas acudiron un total de 30. Ademais, asistiu o alcalde e responsábel do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, e varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e BNG.
Empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estábel e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa escollida polo xurado foi Nós Televisión, situada na rúa das Hedras do parque empresarial do Milladoiro, “polo seu labor decidido, coherente e comprometido a prol da normalización lingüística no eido empresarial”. O xurado destaca “a coherencia desta proposta, tanto nos usos lingüísticos internos como nas súas redes e na propia programación, con contidos integramente en galego e con espazos centrados tamén na normalización lingüística en diferentes ámbitos sociais”.
Salienta tamén que sexa “a única canle audiovisual xurdida da iniciativa privada que fai unha aposta decidida por comunicar todo o seu contido integramente na lingua propia do país e por darlle voz a diferentes iniciativas e colectivos que traballan a prol da lingua”. Nesta categoría participaron un total de 20 empresas.
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A empresa premiada foi o establecemento hostaleiro O Transistor, situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns, pola “súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría usando o galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento e por incorporar desde o seu nacemento a lingua á súa actividade, de maneira coherente e implicada, tanto en toda a comunicación interna como nos servizos hostaleiros e culturais que ofrece”.
Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa elaborada e deseñada pola firma amesá de artesanía galega Sivereira e un diploma acreditativo, que se engaden á dotación de 1.500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba cada categoría.

PUBLICIDADE