Noruega cesa as emisións estatais de radio FM

luns, 18 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Tal e como estaba previsto, o plan de dixitalización da radio en Noruega segue adiante, de xeito que convértese no primeiro país do mundo en proceder ao apagamento das súas emisións estatais de radio FM, levando así aos cidadáns a ter que optar polas emisións en dixital (DAB) pese a que a cobertura é moito peor e os receptores extraordinariamente caros (normalmente custan entre 100 e 200 euros).
Estímase que na actualidade só a metade dos vehículos están adaptados para a recepción de radio dixital en Noruega, polo que a transición dixital está a resultar bastante complicada para os cidadáns, como demostrou o feito de que tras cada apagamento analóxico rexional houbese unha caída da audiencia para recuperarse algo despois.
Pero o apagamento analóxico da radio FM non foi finalmente tan drástico como era de esperar, xa que finalmente a meirande parte das emisoras de radio local continuarán a operar en FM.
Espérase que nos vindeiros anos outros países como Reino Unido, Suíza ou Dinamarca tamén dean o paso de cesar as emisións da súa radio FM, aínda que haberá que ver se será algo absoluto ou só parcial. En calquera caso sorprende esta estratexia de cesamento de emisións analóxicas cando, en contraste, nos EE.UU. están a xurdir iniciativas para potenciar o uso da radio FM grazas á súa utilidade en caso de catástrofes, onde é o método con maior dispoñibilidade para informar á poboación.

PUBLICIDADE