Norton conmemora o Día da Seguridade na Rede con consellos para evitar o calote en liña

martes, 9 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Dúas mulleres, non moi introducidas nos convencionalismos do marketing, tratan de venderlle á comunidade internauta a tarxeta de crédito perfectamente operativa dun internauta caído nun calote. Mentres, un ladrón motorista, logo de ofrecerlle sexo en liña a un rapaz dende detrás duns arbustos, aproveita para roubarlle a carteira e os seus datos persoais. Estas tentativas comerciais de tirar proveito dos incautos en liña, que malia a esaxeración e o uso de estereotipos teñen un aquel de verdade, son a base da campaña comercial e informativa que está a desenvolver a firma Norton na Rede con motivo do Día da Seguridade na Internet que se celebra este martes.
A iniciativa, orientada a poñer de relevo a importancia de levar a cabo na Rede as mesmas medidas de precaución contra roubos e suplantación que levamos na vida non dixital, acompáñase dunha serie de consellos que a empresa considera fundamentais para levar a cabo unha navegación segura e sen que se teña que caer nas trampas de sempre e con anzois que, malia os cambios que imprime a actualidade, son recoñecibles de xeito doado en case todas as situacións.
Estas son as liñas a seguir:
· Cómpre non abrir correos electrónicos ou documentos adxuntos sospeitosos.
· Cómpre non responder a correos electrónicos que soliciten información persoal.
· Empregar unha solución de seguridade actualizada dun vendedor acreditado achegada a través dunha canle fiable.
· Denegar o acceso dunha aplicación a Internet agás nos casos en que haxa confianza total sobre a autenticidade e seguridade do dito sitio.
· Asegurar con contrasinal unha rede sen fíos e non permitir que equipos anónimos acceden á rede domestica propia.
· Non achegar información sobre tarxetas de crédito a sitios pouco seguros.
· Empregar un sitio de valoracións de sitios web para comprobar se unha páxina ten risco antes de visitala.
· Examinar polo miúdo as contas bancarias e as tarxetas de crédito que nos son propias para detectar transaccións perigosas.

PUBLICIDADE