Nokia vendeu 4,4 millóns de móbiles Lumia no derradeiro trimestre de 2012

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nokia está a adiantar información financeira dos seus resultados do cuarto trimestre de 2012, así como as previsións para o primeiro trimestre de 2013, e parece que as cousas están a ir mellor do agardado, e a familia de móbiles Lumia conseguiu coller certo pulo (pese a que os seus novos terminais aínda non remataron o seu espallamento internacional) e conseguiu vender 4,4 millóns de unidades, superando sobradamente os 2,9 millóns do trimestre anterior. Aínda que os móbiles con Windows Phone 8 son os produtos estrela da compañía finlandesa, os smartphones de baixa gama da familia Asha tamén conseguiron colocar 9,3 millóns de unidades, mentres que os Symbian comezan a esmorecer vendéndose só 2,2 millóns de unidades.
Nos vindeiros días será cando vexamos o Nokia Lumia 920 no mercado español, que está a ser o móbil insignia da compañía (e nos EE.UU. é o terminal máis vendido con Windows Phone) e a familia Lumia tamén desembarcou hai pouco na China (onde as vendas están a ser moi fortes) e hoxe mesmo anunciaron a súa chegada á India, onde mañá comezarán a vender os Nokia Lumia 920 e 820 (o Lumia 620 non chegaría ata febreiro).

PUBLICIDADE