Nokia rexistra fortes perdas operativas no segundo trimestre do ano

xoves, 19 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Nokia publicou hoxe os resultados do segundo trimestre do ano, rexistrando unhas perdas de 1.410 millón de euros, fronte aos 368 millóns que perdía no mesmo período de 2011. O fabricante finlandés de móbiles facturou 7.542 millóns de euros, o que supón unha caída de ingresos do 18,6%, que no caso da venda de smartphones é do 34%, de xeito que a familia de terminais Lumia, pese a vender 4 millóns de unidades, non foron capaces de compensar a caída de vendas dos móbiles con Symbian.
Cómpre destacar que aínda que en Europa o número de móbiles vendidos por Nokia caeu un 17%, nos EE.UU. a caída foi do 60%, dando a impresión de que a compañía perdeu o seu atractivo comercial ante o pulo de Apple e dos dispositivos con Android.
De todos os xeitos, Stephen Elop, director xeral da compañía, pese a recoñecer que pasaron un trimestre moi difícil, confían en que o lanzamento de terminais con Windows Phone 8 sexan o catalizador da familia Lumia.

PUBLICIDADE