Nokia presenta a súa tenda de aplicacións para móbiles

luns, 16 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Hoxe comeza en Barcelona o Mobile World Congress, e Nokia aproveitou o evento para presentar oficialmente a OVI Store, unha tenda de aplicacións á que se pode acceder dende multitude de terminais do fabricante finlandés e coa que pretenden repetir o éxito da App Store de Apple para o iPhone.
O primeiro móbil en integrar a nova tenda será o N97 (aínda que tamén estará dispoñible para usuarios de terminais S40 e S60, que poderán instalar o servizo no seu móbil), e comezaremos a ver as primeiras aplicacións no mes de maio, o que permitirá a moitos usuarios adaptar o seu dispositivo móbil ao seu uso real, de xeito que cadaquén decidirá as aplicacións que instala/merca.
Nokia tamén estreou a páxina web dirixida aos desenvolvedores da nova plataforma de comercialización de aplicacións, dende a que se anuncia que os autores recibirán o 70% do prezo de venda dos seus programas.

PUBLICIDADE