Nokia mellora a toma de fotografías cos seus móbiles Lumia

luns, 5 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A cámara dos Lumia facilitará a toma de boas fotografías de grupo

Para potenciar a familia Lumia dende Nokia contan cunha serie de aplicacións que permiten aos seus móbiles destacar fronte ao resto de terminais con Windows Phone, entre as que cómpre subliñar a aplicación Camera Extras, que potencia a toma de fotografías con funcións para facer panorámicas, programar o disparo de imaxes e sacar fotografías de grupo ou de secuencias de acción, e que agora anuncian que vai avanzar aínda máis co lanzamento dos novos Lumia 820 e 920.
Os afortunados que se fagan cun dos novos móbiles de Nokia poderán facer uso dun par de funcionalidades do que denominan Smart Shoot e que permiten mudar caras e eliminar obxectos indesexados, de xeito que cando tomemos unha fotografía de grupo dispararanse varias fotografías consecutivas para elixir a mellor toma de cada cara para que ninguén apareza cos ollos pechados e incluso poderemos aplicar esta tecnoloxía para eliminar a peóns e vehículos que pasen xunto ao que queremos fotografar nun momento determinado e que poidan estragar unha fotografía.
Poder borrar obxectos indesexados directamente dende o móbil é unha opción realmente interesante, pero non será a única novidade que achegarán os novos Lumia, senón que tamén permitirán a captura de momentos vivos con Cinemagraph, función que crear imaxes animadas (GIF) que recollen a realidade dun xeito creativo a 15 fotogramas por segundo, permitindo escoller os elementos que queremos ver vivos, o que podemos aproveitar tanto para xerar imaxes fermosas como para engadir unha nota de humor a unha situación.

A cámara dos novos móbiles Lumia poderán borrar elementos que estraguen as nosas fotografías

PUBLICIDADE