Nokia lánzalle un reto expreso aos universitarios a través da súa competición Gamelopers

martes, 22 de maio do 2012 Raquel Noya

Cada día, segundo afirman os responsables da firma de telefonía móbil, Nokia, “máis de 1.300 millóns de persoas empregan os terminais desta marca para captar e compartir experiencias, acceder a información, buscar a mellor ruta ou simplemente falar”.
É de entender, xa que logo, que estes máis de 1.300 millóns de usuarios deben de estar contentos coas aplicacións que a firma lles achega, e que deben cubrir amplamente as necesidades que estes lles presentan.
Nisto ten moito que ver a competición para desenvolvedores universitarios que Nokia organiza cada ano, a Gamelopers, que vén de convocar de novo aos máis creativos, cun desafío que se prolongará ata o vindeiro 30 de xuño.
Desta volta, a rapidez no traballo dos desenvolvedores será o motivo do premio.
A diferenza que en Gamelopers, onde a plataformaQt é a protagonista da competición, neste reto as aplicacións deberán ser desenvolvidas nas tecnoloxías Java ou Web App.
Para participar, os interesados deberán inscribirse na web da competición, onde encontrarán toda a información necesaria para comezar cos seus desenvolvementos. Unha vez rematen o seu traballo, deberán escribir un correo electrónico de confirmación a contacto@gamelopers.com, coas ligazóns das súas aplicacións á Tenda Nokia.
A persoa que desenvolva máis aplicacións será premiada cun dispositivo Nokia 808 PureView, o último lanzamento de Nokia que aínda non está dispoñible no mercado e que como características principais conta con cámara de 41 megapixeis, pantalla ULIDE de 4 polgadas, procesador de 1.3 GHz e 512 MB de RAM.
Os estudantes que queden en segundo e terceiro lugar nesta clasificación tamén recibirán divertidos premios polos seus traballos.
A competición Gamelopers, que deu comezo o pasado mes de marzo, está a celebrar xa a súa segunda edición. Os competidores terán ata o 30 de setembro para proceder á suba dos seus videoxogos e aplicacións.
As persoas interesadas en participar atoparán máis información sobre como facelo na páxina oficial do concurso en Facebook.

PUBLICIDADE