Nokia completa a absorción da marca Withings

martes, 20 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O ano pasado Nokia anunciou a compra de Withings por 170 millóns de euros como un xeito de facerse un oco no mercado dos produtos de saúde dixital, e agora que se completou a operación vemos que como consecuencia a marca Withings desaparece e vese absorbida por Nokia Health, de xeito que os produtos que se viñan a comercializar até o momento, como tensiómetros e básculas con conectividade sen fíos ou reloxos de pulso para monitorizar a nosa actividade, manteñen as súas funcionalidades pero xa locen o logotipo de Nokia.
Os usuarios actuais de produtos de Withings tamén notarán o cambio de marca, xa que a compañía aproveito a muda de nome para renovar a aplicación móbil Health Mate, coa que se controlan os dispositivos e pode facerse un seguimento da nosa actividade, peso alimentación, sono e presión arterial, chegando á versión 3.0, co que introduce a marca Nokia na app, simplifica a navegación, renova o uso de cores para guiarnos nunha mellor saúde, facilita o control de todas as configuracións nun único sitio e permite fixar obxectivos (como motivación á práctica deportiva ou ao cambio de hábitos).

PUBLICIDADE