No outono teremos un Windows 10 orientado a equipos de alto rendemento

xoves, 10 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft manifestou en numerosas ocasións as súas intencións de reducir o número de versións dos seus sistemas operativos para ordenadores persoais, dá a impresión de que non son capaces de frear a súa ansia de fragmentar o mercado de Windows 10, e anuncian que para o outono non só teremos unha nova actualización do sistema operativo, senón que tamén contará cunha nova versión: Windows 10 Pro for Workstations.
Esta nova versión de Windows 10 Pro está dirixida a estacións de traballo, ou sexa, a equipos de alto rendemento, deseñados para tarefas intensivas e de grande carga de traballo, para o que os sistemas operativos comúns non están optimizados, de aí que Microsoft decidise atender a esta demanda dos profesionais cun novo Windows.
O Windows 10 Pro para estacións de traballo funcionará con ReFS (Resilient file system), memoria persistente, un sistema para compartir arquivos máis rápido (SMB Direct) e un maior soporte de hardware (para aproveitar configuracións de equipos moi elevadas, como as que contan con até 4 procesadores e até 6 TB de memoria).
O ReFS é un sistema de ficheiros de nova xeración, que conta cunha grande tolerancia a fallos e permite administrar unidades de disco de grande tamaño con facilidade. Esta tecnoloxía permite que cando unha información conte con copias en espello, o sistema detecte os datos corruptos e pase a empregar as copias que estean en bo estado.
Tamén é moi intersante o aproveitamento de módulos de memoria NVDIMM-N, que permiten acelerar o funcionamento de aplicacións e datos aos que se accede con grande frecuencia e, ao estarmos ante memoria non volátil contamos coa vantaxe de que estes ficheiros mantéñense despois de apagar a estación de traballo.

PUBLICIDADE