Nintendo comeza a tomar medidas contra a segunda man

xoves, 13 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os fabricantes de videoxogos levan moito tempo queixándose do dano que lles fai ao seu negocio a venda de segunda man e o aluguer, e parecen querer tomar medidas para incentivar a compra de produtos novos, aínda que a fórmula elixida por Nintendo resulta un tanto curiosa, xa que o periférico Wii Speak (un micrófono que se coloca sobre o televisor para poder conversar con outros usuarios en rede) incluirá un cupón para a descarga da Canle Wii Speak, de xeito que os usuarios que adquiran este periférico de segunda man non poderán incorporar o engadido software que permite empregalo fóra de xogos coma o Animal Crossing City Folk (que é o título que introducirá este dispositivo no mercado).
Poderiamos estar ante o primeiro paso nesta dirección, e algúns membros da industria dos videoxogos xa adiantaron a posibilidade de que moitos contidos (ou mesmo o final dos xogos) se vendan coma descargas, sendo de balde para os que merquen os títulos orixinais, para así empurrar á xente a non acudir ao mercado de segunda man, que supón unha importante fonte de ingresos para certas tendas de videoxogos pero non para as distribuidoras e fabricantes.

PUBLICIDADE