Nikon podería estar a piques de dicir adeus ás cámaras réflex

martes, 12 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O diario económico Nikkei comenta que o fabricante xaponés Nikon abandonará o negocio das cámaras réflex para enfocarse nos modelos sen espello como xa fixeron outros fabricantes (como Canon), e aínda que a propia Nikon respondeu que o artigo en cuestión está baseado unicamente na especulación, e asegura que manterán a produción, as vendas e o servizo de cámaras DSLR, tal declaración non supón un desmentido total, polo que podemos entender que simplemente están a esperar un momento propicio para anunciar o seu cambio de rumbo.
Dende Nikkei lembran que Nikon non lanzou ningunha cámara réflex nova dende xuño de 2020, cando estrearon a Nikon D6, polo que negar que cesaron o desenvolvemento de cámaras DSLR non resultaría crible, e o feito de que retirasen do mercado as súas cámaras réflex máis económicas (a D3500 e a D5600) deixa claro que estamos ante un mercado en disolución, e as compañías están a centrarse en cámaras máis avanzadas ou máis específicas para atender ás demandas dun sector no que a presión dos smartphones provocou unha transformación radical.

PUBLICIDADE