Nielsen e o EGM alíanse para a medición de audiencias na Rede

venres, 8 de outubro do 2010 Redacción

Nielsen Online alcanzou un acordo coa Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), polo cal utilizará na súa medición de panel os datos sobre a evolución dos usuarios de Internet do Estudo Xeral de Medios (EGM), a partir do próximo mes de xaneiro.
Deste xeito, o panel de medición de Nielsen utilizará os universos EGM como referencia, medindo posteriormente a actividade dos internautas mediante o seu panel de medición de audiencias NetView, que actualmente conta con 30.000 individuos baixo medición en tempo real.
A pregunta de cantos internautas hai en España, ou como se reparten por idade ou sexo, terá unha única resposta. Ademais, permitirá as comparativas entre Internet e outros medios como televisión, prensa ou radio, ao empregar os mesmos datos referenciais, á vez que cubrirá tamén a medición daqueles usuarios con conexión exclusivamente dende os seus teléfonos móbiles.
Con esta operación, Internet integrarase como un medio máis no mix de medios, achegando un dato consensuado sobre o uso de Internet en España, un dos puntos que vén solicitando dende hai tempo a Mesa de Medicións Dixitais e o Libro Branco IAB/AIMC de medición de audiencias dixitais.
Nos últimos meses AIMC e Nielsen realizaron integracións reais de datos, tuteladas e supervisadas polo Comité de Clientes de Nielsen Online, comprobando a súa viabilidade, así como o impacto que terá nos datos manexados ata a data, de maneira que o cambio se realice positivamente entre todos os axentes do mercado.

PUBLICIDADE