Netun e o seu dispositivo de emerxencias nas estradas, Premio Novo Emprendedor 2017

mércores, 13 de decembro do 2017 Redacción

A firma innovadora Netun Solutions, da que falamos recentemente en Código Cero para salientar o seu proceso internacional de espallamento (sobre todo cara aos Estados Unidos) e máis a incorporación ás súas fileiras de Lucía Gregorio (ex directora xeral da asociación Ineo), vén de recibir un novo impulso á súa actividade, centrada, como lembraremos, no deseño, desenvolvemento e comercialización dun dispositivo destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías, ao dispositivo Help Flash. Segundo puidemos saber, Netun Solutions e a súa tecnoloxía de seguridade nas estradas foron recoñecidos co Premio Novo Emprendedor 2017 que outorga AJE Vigo (edición número 12). Amais de Netun, tamén obtivo unha importante distinción (categoría Mozo Emprendedor) a empresa oSIGris.
Como temos sinalado no seu día, Help Flash é unha luz de emerxencia na estrada que, ante un accidente ou avaría, pódese adherir de xeito magnético ao teito do noso vehículo sen necesidade de que teñamos que abandonar o coche. O dispositivo luminoso de activación automática e autónomo funciona cunha batería de alto rendemento independente do vehículo e emite uns escintileos visíbeis a un quilómetro de distancia. A tecnoloxía comezou a comercializarse en abril de 2016 e hoxe en día xa é obxecto de 450.000 pedidos ao ano. Netun recibiu, froito deste premio, unha contía en metálico de 1.000 euros e outro premio en formación na Escola de Negocios Afundación de IESIDE, valorado tamén en máis de 3.000 euros; ademais dun acceso á base de datos de Ardán durante un ano, un diagnóstico e dirección financeira de INFI Consultores durante seis meses valorado en 4.000 euros e seis meses de afiliación gratis a AJE Vigo.
Na categoría de Mozo Emprendedor, o gañador foi a empresa oSIGris, unha firma innovadora centrada na agricultura de precisión. O proxecto, en activo en varias adegas e centros de I+D, emprega sistemas de información xeográfica (SIG) para aumentar a cantidade de datos sobre un determinado cultivo. O sistema axuda a diminuír os custos e a optimizar os sistemas de produción. O gañador recibiu un premio en metálico de 500 euros; aloxamento gratuíto con asesoramento nun Viveiro de Empresa de Zona Franca de Vigo; un acceso á base de datos de Ardán durante un ano, un plan de viabilidade de Infi Consultores valorado en 1.700 euros e seis meses de afiliación de balde a AJE Vigo.
Dentro da categoría Mellor Empresario entregáronse tres accésits. O de Calidade foi para Del mar al plato, unha plataforma en liña que distribúe produtos das lonxas galegas a toda España e Baleares, ademais de conservas, viños galegos e produtos gourmet. O accésit de Innovación foi para Bob y Blue, empresa especializada en viaxes dirixidas a todo tipo de familias, amais de ser a primeira axencia de España especializada en turismo militar ofrecendo destinos tanto nacionais como internacionais.
O terceiro accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial foi outorgado a SomosOcéano, que fabrica pezas de algodón natural e algodón orgánico, facendo primar a proximidade dos seus provedores e reducindo emisións de CO2 en transporte e loxística. Os gañadores deste tres accésit recibirán un bono formativo de 10 horas valorado en 390 euros nun seminario dun programa especializado de IESIDE e unha tableta de última xeración.
Durante a gala de entrega de premios, a empresaria Delfina Cendón recibiu o Premio Honorífico AJE Vigo.
O acto, ao que asistiron máis de 150 invitados, celebrouse no MARCO coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; a delegada do Consorcio de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; o director do do IGAPE, Juan Cividanes, entre outros representantes públicos e das nosas empresas.

PUBLICIDADE