Netflix retira o soporte de AirPlay

domingo, 7 de abril do 2019 Marcus Fernández

Os usuarios de dispositivos móbiles de Apple subscritos a Netflix, que empregaban a funcionalidade de AirPlay para ver os contidos desta plataforma audiovisual veñen de topar un importante atranco á hora de gozar dos contidos de Netflix con certa versatilidade, xa que a aplicación móbil da plataforma suspendeu a mencionada fórmula para proxectar os contidos no televisión, argumentando «limitacións técnicas».
Pero as limitacións técnicas de Netflix non se refiren a unha imposibilidade técnica (xa que AirPlay funcionou con normalidade durante anos), senón ao feito de que agora AirPlay 2 estea a chegar a numerosos televisores conectados dun xeito que non permite que Netflix saiba a que dispositivos finais está entregando os contidos audiovisuais, e ante esta perda de control dende Netflix sorprenden cancelando unha prestación que resultaba de grande utilidade para numerosos usuarios, no que podería ser unha decisión tomada no marco dunha guerra fría aberta agora que Apple prepara un servizo audiovisual por streaming, de xeito que actuaría como competidor directo de Netflix.
Cómpre lembrar que até o momento o uso de AirPlay limitábase a enviar contidos dende o móbil ao Apple TV, pero unha vez que se abre a máis dispositivos que non dependen de Apple créase unha situación bastante complexa na que ten sentido que Netflix queira afastarse, especialmente porque tanto para Apple TV como para os televisores con soporte de AirPlay 2 existen aplicacións oficiais de Netflix que permiten unha experiencia de consumo dos seus contidos de maior calidade.

PUBLICIDADE