Netflix podería chegar a España a finais de ano

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Durante varios anos estase a falar das bondades que ten a plataforma de vídeo baixo demanda Netflix, que trunfa en EE.UU. polo seu inmenso catálogo de producións audiovisuais e un prezo axustado, á vez que se menciona as dificultades que ten o servizo para desembarcar en países como España, pero finalmente poderiamos dicir adeus á espera este mesmo ano se atendemos a informacións publicadas polo diario Expansión, onde comentan que Netflix está a negociar contratos para chegar ao noso mercado en setembro.
Segundo Expansión, Netflix estaría a negociar coas grandes majors e con distribuidoras independentes para facerse cos dereitos de emisión de películas e series de televisión en España, co obxecto de lanzar o servizo no último trimestre do ano (posiblemente no mes de outubro) e incluso terían acordado con fabricantes como LG e Samsung que incluísen pre-instalada nos seus Smart TV a aplicación do servizo audiovisual, o que tamén é un importante incentivo para a compra deste tipo de televisor (pois permitiría aproveitar efectivamente a súa conectividade, especialmente no caso dos televisores de ultra alta definición, que terían nas plataformas en liña o único xeito de poder achegar contidos en 4K).
Actualmente Wuaki.tv e Movistar TV parecen estar a aproveitar a ausencia de Netflix en España, polo que agora haberá que ver como afectaría a esta plataformas a chegada dun novo competidor con tanto renome, tendo un especial impacto en Wuaki.tv, xa que esta plataforma propiedade da xaponesa Rakuten tamén busca espallarse por varios países europeos, polo que podería ser o competidor máis directo de Netflix.

Os fabricantes estarían a negociar a incorporación da aplicación de Netflix de serie nos seus Smart TV

PUBLICIDADE