Netflix podería chegar a España a finais de 2015

martes, 29 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Hai uns meses a plataforma de vídeo baixo demanda Netflix, líder nos EE.UU. coa súa atractiva oferta de subscrición, confirmou que preparaba a súa chegada a Alemaña, Francia, Austria, Suíza, Bélxica e Luxemburgo a finais de ano, apuntando numerosas fontes que os países do sur de Europa estaban aínda fóra do itinerario da empresa, o que agora contradín dende Europa Press nunha información de Carlos Hergueta, quen asegura que datos que apuntarían a que Netflix chegaría a España no último trimestre de 2015.
Neste momento hai varias compañías que intentan imitar a fórmula de Netflix en España como Yomvi ou Movistar TV, sendo a que máis se asemella Wuaki.tv, que tamén conta cunha oferta baixo subscrición chamada Selection, que actualmente está dispoñible por 6,99 euros, pero que conta cun catálogo de contidos moi afastado ao de Netflix.
Este tipo de plataformas centran a súa actividade a operar como videoclubs, coa películas de estrea a prezos pouco competitivos (en numerosas ocasións resulta máis económico mercar o filme en Blu-ray que alugalo), pero de conseguir consolidarse a fórmula da subscrición conseguiríase desligar os contidos audiovisuais do seu soporte, xa que estarían accesibles dende numerosos dispositivos conectados sen ter que acumular copias no fogar do consumidor, axustándose mellor aos hábitos de consumo actuais.

Netflix está dispoñible a través de ordenadores, consolas de videoxogos, televisores conectados e dispositivos móbiles

PUBLICIDADE