Netflix estrea unha páxina web para consultar os seus éxitos semanais

mércores, 17 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Tradicionalmente coñecemos os resultados económicos das estreas cinematográficas como xeito de medir o seu éxito, pero cos servizos de vídeo baixo demanda a cuestión é bastante máis complexa, e as compañías non son nada transparentes, mudando constantemente os criterios de medición de xeito que resulta imposible comparar unhas plataformas con outras, pero en calquera caso resulta interesante ver que é o que mellor funciona tanto globalmente como por territorios, e para destacar claramente esta información Netflix vén de estrear un Top 10 que podemos consultar vía web.
O novo Top 10 global de Netflix permítenos consultar as listaxes dos 10 filmes de fala inglesa e non inglesa e as 10 series de fala inglesa e non inglesa ordenadas polo número de horas de consumo na última semana, sendo posible consultar tamén as películas e series máis vistas en España. Na relación global desvelan o número de horas que o público dedicou a cada produción, o que facilita que poñamos en perspectiva o impacto de cada grande éxito.
Como exemplos dos datos publicados por Netflix podemos ver como a grande estrea dos últimos días, o filme Alerta Roja, acumulou 148,72 millóns de horas vistas entre o 8 e o 14 de novembro, a máis de 90 millóns de horas da segunda película da listaxe. Tamén resulta curioso comprobar como a serie de fala inglesa líder a semana pasada, Narcos México, conseguiu 50,29 millóns de horas vista, moi preto da serie de fala non inglesa, El Juego del Calamar, con 42,79 millóns de horas vistas esta semana (que leva bastantes semanas cunhas audiencias masivas demostrando que produtos non estadounidenses poden acadar éxito global).
Outro detalle interesante das listaxes globais é que destacan o número de países nos que os grandes filmes e as grandes series figuran no Top 10, para así detectar cando un éxito é realmente global ou simplemente é moi grande en mercados moi concretos, ou incluso detectar fenómenos como o da serie You, que coa súa tempada 3 colocouse no Top 10 de 79 países, pero curiosamente as súas tempadas 2 e 1 conseguiron entrar no Top 10 en 18 e 16 países respectivamente, o que semella un indicador claro das maratóns de series dos subscritores de Netflix.

PUBLICIDADE