Netflix apraza a súa chegada a España

mércores, 26 de outubro do 2011 Raquel Noya

A meirande compañía do mundo de cine en streaming, Netflix, vén de verse na obriga de “conxelar” o seu plan de expansión polo vello continente, incluída España, debido en gran medida á “estrepitosa” caída do seu número de clientes en Estados Unidos logo de ter subido os seus prezos considerablemente no país.
Xa que logo, a compañía limitará a súa expansión por Europa ao Reino Unido e Irlanda, incumprindo o proxecto inicial de desembarcar en España a comezos de 2012 con 7.000 películas e series.
A compañía americana anunciou onte que durante o terceiro trimestre do ano “perdera 805.000 clientes”, unha situación especialmente adversa ao quedar cunha carteira de 23,7 millóns de usuarios, lonxe dos 25 millóns que agardaban ter acadado a estas alturas do ano.
Esta baixada repentina de clientes foi debida á subida de prezos (a cota mensual pasou de 9,99 a 15,99), a primeira que aplicou a compañía dende a súa creación, que ademais provocou que se esfumaran moitas máis vendas das previstas inicialmente.
A nova, tal como non gustou aquí, tampouco foi de agradecer en Wall Street, onde as accións da compañía diminuíron un 35 por cento ao facer pública a redución de clientes.
Malia todo, Netflix si confirmou o seu próximo debut xa anunciado en Irlanda e Reino Unido, onde a súa chegada será inminente.

PUBLICIDADE