Neeva, o buscador de pagamento alternativo a Google anuncia o seu peche

luns, 22 de maio do 2023 Marcus Fernández

Neeva promocionábase principalmente como un buscador sen a molesta integración publicitaria que ten Google

En 2020 veu a luz Neeva, un servizo que resultaba moi sorprendente por ser unha alternativa de pagamento ao buscador de Google. Este buscador promete uns resultados nos que a publicidade non é un atranco que estraga a experiencia de uso, á vez que tamén facilita un uso seguro e privado, ou sexa, que ataca directamente ao modelo de negocio de Google.
Este concepto bastante arriscado por ir contracorrente viviu unha transformación profunda a comezos de ano, adaptándose á tendencia da intelixencia artificial xenerativa e os grandes modelos de linguaxe, de xeito que Neeva AI en vez de ser un buscador de páxinas web podía verse como un motor de respostas, que adiantouse en boa medida ao que fixeron logo Bing e Google.
Pero o feito de facer algo innovador e arriscado por parte dun equipo áxil e reducido non é dabondo, e Neeva anuncia que botará o peche o 2 de xuño, asegurando que o grande problema que atoparon non foi a dificultade de que os usuarios quixesen pagar por unha experiencia mellor, senón pola resistencia dos usuarios a probar novos buscadores.
O peche do buscador de Neeva non suporá a desaparición do equipo que está detrás do proxecto, pois os seus avances en intelixencia artificial supuxeron unha grande experiencia que pretenden aproveitar para futuros traballos, que previsiblemente adoptarán modelos de negocio sustentables, sen basearse nunha proposta de David contra Goliat.

PUBLICIDADE