#NeThinking devolve a reflexión sobre os contidos dixitais á Illa de San Simón

venres, 25 de abril do 2014 Redacción

A cuarta edición de #NeThinking botou hoxe a andar na Illa de San Simón, foro no que quince expertos en redes sociais, comunicación e ámbitos culturais xúntanse presencialmente para debater, permitindo que o público poida seguir o evento en directo a través de streaming e realizar a súas propias achegas vía Twitter durante os dous días nos que se reparte este evento que xira ao redor da transformación da industria dos contidos informativos e culturais por mor do impacto da Internet.
#NeThinking está organizado pola Secretaría Xeral de Cultura e nesta nova edición conta coa presenza de varios participantes de anteriores entregas como Mario Tascón, Raquel Martos, Julián Hernández ou Eduardo Arcos, aos que se une nesta ocasión o presidente da Fundeu, Joaquín Müller, e o publicista Risto Mejide.
Nesta primeira xornada desenvolvéronse temas de vital transcendencia no eido dixital, como os recentes soportes de comunicación e as novas tendencias nos medios en liña, nos que queda por resolver o modelo de negocio e a innovación na presentación dos contidos. Tamén se abordou a cuestión da propiedade intelectual, analizando os aspectos vinculados á nova lei, así como as repercusións en creadores e usuarios en todo o que atinxe aos dereitos de autor.
Mañá sábado os participantes reflexionarán sobre a creatividade e os contidos, o uso das redes sociais e a adaptación aos distintos formatos, así como a educación dixital, no que se refire ás novas ferramentas de aprendizaxe xurdidas na rede e como educar aos nosos fillos no contorno virtual.
O emprendemento tamén será un eixo central do debate, co estudo dos novos negocios e profesións. Tras as sesións pecharase un documento de conclusións que, ao igual que en edicións anteriores, converterase nunha ferramenta para avanzar na busca de respostas aos retos máis importantes que impón a cultura dixital.

PUBLICIDADE