Naturgy poderá revisar o tendido eléctrico con drons controlados pola rede móbil

martes, 22 de decembro do 2020 S. P.

Vodafone, Naturgy e FuVeX formalizaron este martes 22 unha alianza para, nas súas palabras, “revolucionar a revisión do tendido eléctrico”. A clave será o uso de drons controlados pola rede móbil, que poderán percorrer longas distancias, alén da liña de vista (moito máis alá da limitación actual de 500 metros), para realizar o seu traballo de supervisión. Isto será posíbel grazas ao apoio da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), que concedeu a primeira autorización para este tipo de operacións sobre liñas eléctricas a nivel estatal, e de Enaire, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Fomento.
En virtude deste proxecto a tres bandas, o prognóstico é permitir que os drons controlados de xeito remoto dende as oficinas de Naturgy poidan revisar os milleiros de quilómetros de liñas eléctricas da operadora.
Para voar de forma segura e controlada, as empresas porán en xogo sistemas de comunicación robustos baseados en 4G e 5G, botando man de tecnoloxías como RPS (Radio Positioning System) que permiten situar ao dron e controlalo en todo momento e que posibilita “unha estimación moi precisa da posición do vehículo aéreo a través dun cartón SIM, proporcionando unha fonte alternativa á tradicional baseada nas coordenadas GPS”, explicaron as tres compañías implicadas, salientando que se trata dunha “iniciativa pioneira a nivel europeo” que tenta mellorar de xeito significativo o traballo de supervisión do tendido, que até o de agora resolvíase con medios e vehículos tradicionais.
Estímase que esta solución podería chegar a evitar a emisión de máis de 6 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, minimizando o impacto con uso eficiente da tecnoloxía, un dos propósitos de Naturgy e Vodafone.

PUBLICIDADE