Nadal en Rede e Os Bolechas poñen en liña novos contidos para a rapazada

xoves, 20 de decembro do 2018 Redacción

O programa Nadal en Rede (Secretaría Xeral de Política Lingüística) vai percorrer os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) levando aos máis pequenos un novo espectáculo dos Bolechas, desta volta relatando á rapazada a súa experiencia viaxeira no Polo Norte. A xira comeza este sábado 22 e conta coa colaboración de Gadis e mais da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG).
O novo itinerario dos Bolechas percorrerá O Porriño, Viveiro, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo, Ourense, Muros, Ponteareas e Rianxo, ata o 7 de xaneiro. A nova actividade de Nadal en Rede foi dada a coñecer hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Segundo fixo saber, a xira conta cunha nova páxina web, www.osbolechas.gal/polonorte, onde está dispoñíbel toda a información sobre a xira, amais de xogos e vídeos relacionados coa familia dos Bolechas e do Nadal. De feito, entre outras propostas, a web permite ver os capítulos de Nadal dos Bolechas emitidos na Televisión de Galicia. Quen queira máis información e datos sobre o calendario de funcións, tenos en www.lingua.gal (o Portal da Lingua Galega).
Polo que se refire ao espectáculo dos Bolechas no Polo Norte, é un conto de Nadal no que Sonia quere facer un boneco de neve, pero non un calquera, quere un boneco que non se derreta. Propóñenlle facelo de algodón, para que sexa suave e branco como a neve, pero máis duradeiro. Pero Sonia quere neve de verdade e iso complica as cousas… A non ser que se faga no Polo Norte, porque alí sempre vai frío.

PUBLICIDADE