Nace unha plataforma en liña para favorecer a mobilidade sustentable

luns, 25 de agosto do 2008 Raquel Noya

A empresa Signo Ingeniería del Territorio está a desenvolver un portal de xeoservizos en liña e unha comunidade virtual a fin de favorecer a mobilidade sustentable a partires de ferramentas de información útil en tempo real para os seus usuarios.
O servizo ofrece, entre outras cousas, a posibilidade de crear un perfil de mobilidade para poder calcular os custos económicos e ambientais dun traxecto determinado, así como buscar alternativas de transporte valoradas en termos de sustantibilidade ou colaborar con outros usuarios para realizar desprazamentos conxuntos.
O devandito portal supón a creación dunha rede social ao redor desta iniciativa, empregando as posibilidades de interactividade da web 2.0. Na actualidade, a iniciativa está aberta ao público en fase de probas a través desta ligazón e calquera usuario pode facer achegas e dar ideas de cara ao desenvolvemento do proxecto.
A Consellaría de Innovación e Industria financia o proxecto de Signo Ingeniería del Territorio a través do programa de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010, polo cal lle concedeu á empresa unha axuda de 47.133 euros para o desenvolvemento do proxecto.
Na iniciativa participan asemade a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (Consellaría do Medio Rural) e CARTOLAB (Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos). A título individual colaboran tamén Juan Marcos Pérez Gulín (www.galiciasustentable.org), Javier Varela González (www.javiervarela.org) e Roberto Budiño Fernández, co-impulsor do proxecto.
A iniciativa pretende afondar no desenvolvemento de novos servizos con base xeográfica e ambiental propoñendo a interacción entre os cidadáns, a través dunha comunidade virtual. Signo Ingeniería del Territorio aproveita así o coñecemento e o traballo dos tres departamentos nos que se divide a empresa: Tecnoloxías da Información Xeográfica, Territorio e Sustentabilidade e I+D+i.
O proxecto parte dunha análise da situación do transporte en Galiza que, segundo os responsables do proxecto, amosa unhas necesidades específicas xa que, “nas cidades hai unha alta intensidade de tráfico motivada pola falta de alternativas para o desprazamento desde o rural ou a cidade dispersa”.

Estándares internacionais e software libre

Na parte dos datos espaciais, empregaranse os estándares internacionais e fontes cartográficas que se desenvolverán baixo os parámetros da Directiva Europea INSPIRE pola que se establece unha infraestrutura de datos espaciais na Comunidade Europea. Esta Directiva propón a creación de servizos integrados que permitan aos usuarios identificar e acceder a información xeográfica desde o nivel local ao global.
Outro dos obxectivos que se fixa Signo Ingeniería del Territorio é que os desenvolvementos tecnolóxicos deste proxecto poidan ser transferidos a novos sistemas xa sexa doutros territorios, con outras temáticas ou combinados con outras tecnoloxías. Para isto, as aplicación implementaranse sobre software de libre distribución.

Creación dunha Rede Social

Un dos aspectos máis innovadores da idea de Signo Ingeniería del Territorio é a de integrar o xeoportal nunha plataforma e crear unha comunidade virtual que dinamice a idea fundamental do proxecto: compartir experiencias e recursos sobre mobilidade.
Ao crear unha rede social na Internet, Signo pretende fomentar que os cidadáns atopen un foro de expresión e participación a prol dunha mobilidade sustentábel, facilitando iniciativas individuais ou colectivas, como os desprazamentos en grupo, para aforrar recursos e evitar multiplicar os efectos sobre o medio. Ademais, a información aportada polas persoas usuarias permitirá coñecer as demandas reais de mobilidade, converténdose o portal nunha fonte de información para desenvolver políticas que melloren a oferta no transporte.
O proxecto porase en práctica en distintas zonas piloto, tanto no ámbito urbano como no rural, que permitan observar a súa evolución e dimensionalo cara ao futuro a curto prazo. Así mesmo, o estudo resultante poderá axudar a deseñar políticas medioambientais e de transportes.

PUBLICIDADE