Nace unha nova web 2.0 para apoiar a candidatura de Madrid 2016

mércores, 3 de xuño do 2009 Raquel Noya

Como complemento á páxina oficial de apoio á candidatura de Madrid ás Olimpiadas do 2016, un sitio que ofrece completa información sobre as vantaxes e peculiaridades desta cidade para ser “villa olímpica” dunha vez por todas, os responsables da iniciativa veñen de lanzar tamén ao ciberespazo unha web 2.0, que nace como un lugar de reunión virtual para todos aqueles que apoian o devandito proxecto dende onde queira que estean.
Holamadrid2016.com, que así se chama esta nova web, tén como principal obxectivo “xerar un maior movemento de apoio popular a Madrid 2016” así como facer de punto de encontro en liña de tódolos amantes do deporte en xeral e dos Xogos Olímpicos en particular.
Entre outras cousas, esta ferramenta, que é máis interactiva e moderna que a súa complementaria, permite deixar mensaxes aos voluntarios e deportistas, enterarse da actualidade da candidatura, participar en blogs ou formar parte na xeración 16, un programa para implicar ás persoas máis novas na candidatura da capital española aos Xogos Olímpicos do 2016.
En resumidas contas, a función de HolaMadrid2016 é xerar un maior movemento de apoio popular á candidatura olímpica Madrid2016, e conforme ao obxectivo de organizar os “Xogos das persoas”, os responsables plantexaron o reto de acadar o maior número posible de apoios á candidatura madrileña a través deste sitio.
Para isto, HolaMadrid2016 ofrécelle aos seus usuarios e usuarias un contador de apoios a través do cal poden sumarse a este reto e engadir os seus votos á candidatura. Polo de agora, o proxecto conta con preto de 45.000 apoios.
Nembargantes, estas dúas webs non son as únicas que circulan pola Rede para apoiar a iniciativa e páxinas como madriddosmil16, madridolimpico.net ou logo2m16.com, entre outras, son algunhas das que hai por Internet e que comparten temática coas protagonistas desta nova.

PUBLICIDADE